O Automóvil Club As Pontes estará presente no mítico Rally Vinho da Madeira co equipo Iago Gabeiras / Adrián Varela.
Falar do Rally de Madeira é falar da historia do rally con maiúscula. Un rally que celebrou a súa primeira edición en 1959 e que se consolidou co paso dos anos polo seu percorrido selectivo polas sinuosas estradas da illa e pola gran afección existente. En Madeira, como no resto de Portugal, o rally é a cita do ano. Se observamos a súa lista de gañadores darémonos conta do mítico que é este rally, Jean-Pierre Nicolás, Ari Vatanen, Henri Toivonen, Máximo Biasión son algúns dos ilustres gañadores do rallye. Chega a Madeira a cuarta proba da Peugeot Rally Cup Ibérica, un certame no que, a pesar de abandonar no Rallye de Ourense, o equipo do Automóvil Club As Pontes formado por Iago Gabeiras e Adrian Varela ocupa a segunda posición da clasificación provisional. O Rally da Madeira presenta uns tramos moi sinuosos nos montes da illa, así como un tempo moi cambiante, con posibilidade de néboa e choiva nas zonas máis altas. Estas son as primeiras impresións de Iago Gabeiras tras a primeira xornada de recoñecemento. “Son etapas totalmente diferentes ás que estamos afeitos, con tramos moi similares e moitos interiores que poden acabar rapidamente coa nosa carreira. Tamén teremos que ter sempre presentes os freos, xa que hai moitas baixadas longas e complicadas. Esperamos adaptarnos o máis rápido posible a este tipo de terreos para tentar estar nos postos de liderado da Peugeot, pero sempre co obxectivo de rematar”. O Rally Vinho da Madeira desenvólvese entre o xoves 3 e o sábado 5 de agosto.