Novas

Automóvil Club As Pontes

Lago Gabeiras gaña entre os júnior en Narón

Lago Gabeiras gaña entre os júnior en Narón

O Rallye Cidade Narón era a segunda cita da Copa de España de Rallyes de Asfalto, e alí participaban Iago Gabeiras e Brais Mirón aos mandos do Peugeot 208 Rallye4 do equipo TRS, e lucindo as cores de Kumho. Desde o comezo, Gabeiras e Mirón metíanse no top ten da proba, sendo ademais segundos no apartado de Dúas Rodas Motrices, e os mellores entre os pilotos júnior. Durante os tramos da mañá, a parella galega do Automóbil Club As Pontes debía pelexar por manterse no segundo posto no apartado de Dúas Rodas Motrices, debido a un pequeno toque no primeiro tramo, pero lograban sobrepoñerse sen maiores problemas. Xa nos tramos da tarde, Iago Gabeiras e Brais Mirón espremían ao máximo o seu Peugeot 208 Rallye4, utilizando os pneumáticos Kumho TM02, e comezaban a sacar certa vantaxe na loita pola segunda praza entre as Dúas Rodas Motrices. No apartado júnior, Gabeiras e Mirón dominaban con autoridade, sendo os máis rápidos en cada tramo. Ademais, na clasificación xeral, os do Automóbil Club As Pontes afianzáronse na sétima posición. O último bucle convertíase case nun trámite para Iago Gabeiras e Brais Mirón. O bo comportamento do Peugeot 208 Rallye4 do equipo TRS, unido á fiabilidade e rendemento dos pneumáticos Kumho TM02 permitíanlles manter un ritmo alto, co que rubricar a súa vitoria no apartado júnior, subindo ademais ao segundo chanzo do podio na clasificación de Dúas Rodas Motrices. Na clasificación xeral, Gabeiras e Mirón obtiñan un meritorio sétimo lugar. Tamén estaban presentes no Rallye Cidade Narón Alejandro Pais e Santiago Pais, pilotando un Renault Clio N5, calzado cos pneumáticos Kumho que fornece ASR Tyres. No caso dos irmáns Pais, o maior hándicap sería a falta de ritmo de competición, tras un ano completo sen poñerse o casco. Os problemas xurdían xa na primeira especial, na que rompía a panca de cambios do seu Renault Clio N5, e debían recorrer a unha chave de parafusos para finalizar as primeiras especiais. A pesar de todo, Alejandro e Santiago Pais realizaban unha proba de menos a máis, mostrándose máis competitivos a cada quilómetro, e unha vez resolvido o problema da panca de cambios, os cronos comezaron a mellorar rapidamente. Finalmente, Alejandro Pais e Santiago Pais lograban unha novena praza final, sendo segundos entre os vehículos da categoría N5, un gran resultado que volve deixar clara a competitividade dos pneumáticos Kumho TM02.